Somos 12 nenos e nenas do CPI Tino Grandío de Guntín. Formamos parte dunha
realidade multicultural. A maioría nacemos en Galicia, pero algún de nós naceu
en Italia, en Marrocos, en Brasil...
Si, somos nenos e nenas que aínda nos quedan moitas cousas por saber, pero que
aprendemos a convivir cada día co moito que nos une e co moi pouco que nos
separa. Nenos e nenas aos que nos ocupa e preocupa moito o mundo que
herdaremos, aos que se nos racha algo por dentro cando vemos a outros coma nós
fuxir das guerras, das inxustizas, da fame, alancando cara a un mañá cheo de
anoiteceres e incertezas.
Non, non sabemos moitas cousas, pero aprendemos que non podemos nin queremos esquecer a Aylan Kurdy e a moitos coma el. E aprendemos a non falar hoxe de fútbol, nin de videoxogos nin de paraísos fiscais, porque o único paraíso que coñecemos e defendemos é a infancia.
Queremos falar de Lesbos, de Idomeni... e de moitos outros lugares, ás veces moi perto de nós, onde nenos e grandes agardan polo noso compromiso, sen requebros nin regates á solidariedade.
Non, non sabemos moitas cousas, pero aprendemos que este mundo inzado de mercaderes e sementado coa cegueira social de moitos, non é o noso.
Berramos alto e forte para que nos escoiten, e facémolo
porque na nosa obriga de seres humanos está o ser solidarios, para que nunca
máis haxa nenos e nenas sen sorriso, que só coñecen o idioma dos choros e da
desesperanza, nenos sen escola, sen protección...sen futuro. Pedimos, esiximos
que paren tódalas guerras, o sufrimento dos desarriagados, dos refuxiados...
dos que non escolleron esa vida senón que esa "non" vida os escolleu
a eles.
Non, non sabemos moitas cousas, pero aprendemos, cada día e tódolos días, a facernos preguntas, a busca-las respostas, a sentir, a emocionarnos, e a apreta-los dentes e xogárnola para mellorar este mundo cheo de caries e de ponzoñas.
Non, non sabemos moitas cousas, pero hai unha que non imos esquecer. Queremos espertar cada mañá nun mundo onde pequenos e grandes sexamos donos e protagonistas das nosas propias vidas, onde poidamos loitar polos nosos soños, un mundo onde nos deixen soñar para podermos durmir.

Non, non sabemos moitas cousas, pero aprendemos que non podemos nin queremos esquecer a Aylan Kurdy e a moitos coma el. E aprendemos a non falar hoxe de fútbol, nin de videoxogos nin de paraísos fiscais, porque o único paraíso que coñecemos e defendemos é a infancia.
Queremos falar de Lesbos, de Idomeni... e de moitos outros lugares, ás veces moi perto de nós, onde nenos e grandes agardan polo noso compromiso, sen requebros nin regates á solidariedade.
Non, non sabemos moitas cousas, pero aprendemos que este mundo inzado de mercaderes e sementado coa cegueira social de moitos, non é o noso.

Non, non sabemos moitas cousas, pero aprendemos, cada día e tódolos días, a facernos preguntas, a busca-las respostas, a sentir, a emocionarnos, e a apreta-los dentes e xogárnola para mellorar este mundo cheo de caries e de ponzoñas.
Non, non sabemos moitas cousas, pero hai unha que non imos esquecer. Queremos espertar cada mañá nun mundo onde pequenos e grandes sexamos donos e protagonistas das nosas propias vidas, onde poidamos loitar polos nosos soños, un mundo onde nos deixen soñar para podermos durmir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario